Thursday 16 de May de 2024

A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrécelle ao público da Coruña 7 funcións escénicas e musicais cofinanciadas pola Xunta


— O Teatro Rosalía Castro e o Fórum Metropolitano, adheridos a este circuíto, estrean novo de Paula Pier, Elvi Balboa, D’Elas e Producións Teatrais Excéntricas

— A programación semestral comeza esta fin de semana co espectáculo de danza Eu, fraude! e un concerto de De Vacas

— As artes escénicas ocupan a meirande parte da programación, con especial atención ás propostas de danza e ás perfiladas para o público infantil

A Rede Galega de Teatros e Auditorios dá comezo esta semana a súa nova programación semestral na cidade da Coruña, no marco da que ata o vindeiro mes de xuño terán lugar 27 funcións escénicas e musicais, entre as que se inclúen catro estreas da temporada. O Teatro Rosalía Castro e o Fórum Metropolitano son os espazos adheridos ao circuíto autonómico na cidade herculina, e neles o público coruñés poderá gozar dun amplo abano de propostas de teatro, danza, música e novo circo durante este semestre.
A carteleira semestral inaugurase este venres 12 no Teatro Rosalía Castro, coa primeira representación de Eu, fraude!, de Paula Pier, unha nova proposta que combina poesía, teatro e música en directo. No mesmo espazo, o sábado 13 o público poderá asistir á primeira proposta estritamente musical da carteleira, Rebovina Divas Live, unha sucesión de versións de temas das mellores voces femininas dos últimos tempos a cargo do cuarteto De Vacas.
Programación do mes de xaneiro
A programación coruñesa continúa a derradeira fin de semana de xaneiro con tres funcións para público adulto. Trátase de A nai, de Amorodio Teatro, unha peza de teatro multidisciplinar que emprega ferramentas do teatro documento para explorar as fazañas das irmás Touza durante o Holocausto. Será no Fórum Metropolitano o día 26. Non é unha canción, a primeira peza da compañía emerxente Souvenir, subirá o mesmo día 26 ás táboas do Rosalía. Tamén no Rosalía poderase gozar de O auto do Castromil de Producións Teatrais Excéntricas en coprodución co Centro Dramático Galego, unha viaxe onírica abordo dun coche de liña coa que a compañía logrou facerse co galardón no III concurso de proxectos teatrais da Fundación Manuel María. A función será o vindeiro 27 de xaneiro.

O auditorio do Fórum Metropolitano acollerá outras 12 funcións ao abeiro da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Así, tras A nai chegará a proposta para público familiar Palabras, da compañía Baobab Teatro, os días 2 e 3. O 16 de febreiro é a quenda de representación de Deadpan Karaoke, o novo de Ibuprofeno Teatro. Continuará a actividade coa estrea de Monstros, a nova comedia para público infantil de Producións Teatrais Excéntricas, que se exhibirá en dúas funcións o 24 e o 27 de febreiro.

En marzo chegará Só, de Xampatito Pato, os días 15 e 16 de marzo, en dous pases dirixidos especialmente á cativada, ao igual que La fábula de la ardilla, da catalá Companya de Comediantes La Baldufa, os días 4 e 5 de abril. ButacaZero visitará tamén o Fórum cunha función de O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, o 26 de abril. Pecha a carteleira neste espazo a peza para adultos Cancións amarelas, flores tristes, da nova compañía de Ernesto Is, Manikeniko, o 10 de maio.

Máis no Teatro Rosalía Castro
Tras as propostas de De Vacas, Souvenir e Producións Teatrais Excéntricas desta primeira fin de semana, a compañía Os Naúfragos recala tamén este semestre no escenario do Rosalía co seu Noso en dúas funcións o 16 e 17 de febreiro. A peza é unha dramedia que visibiliza o conflito xeracional e a pertenza, a importancia do pasado e a necesidade de mirar cara o futuro a través da historia de Nicolás e a súa familia, forzada a abandonar a súa casa debido a unha expropiación.

Xa entrado o mes de marzo, o público coruñés poderá gozar de Iribarne, o novo de ButacaZero en coprodución co Centro Dramático Nacional. Séguelle en abril a tamén Helen Keller, a muller marabilla?, da compañía Chévere, outra das propostas novas desta temporada escénica.

Ao abeiro das celebracións do 29 de abril, Día Internacional da Danza, a carteleira do Teatro Rosalía Castro cárgase de propostas de artes do movemento. Arrinca coa estrea da coprodución co Centro Coreográfico Galego coa bailarina e coreógrafa Elvi Balboa, Anöa, un proxecto multidisciplinar sobre o cotián que poderá verse por vez primeira no teatro coruñés o 19 de abril. Estrearase tamén É difícil fotografar o baleiro, da compañía D’Elas, que tamén conta coa subvención da Xunta na modalidade de empresas de recente fundación e poderá verse o 27 de abril. Para completar a celebración do día da danza, Paula Quintas Cía. presentará o seu Multiperspectivas #2 o 26 de abril no teatro.

Pecha a carteleira da Rede Galega de Teatros e Auditorios, xa no mes de maio, Hasta que la muerte nos separe, de Inconstantes Teatro, espectáculo que entrou na distribución galega a partir da súa programación na feira sectorial Galicia Escena PRO. A compañía madrileña actuará os días 10 e 11.

Tamén en Arteixo, Betanzos, Oleiros e Sada
Ademais, a Rede Galega de Teatros e Auditorios programa este semestre outras 31 funcións noutros tres concellos da área metropolitana coruñesa. Así, en Arteixo estase a contribuír con 10 funcións de teatro adulto, infantil e danza, cunha carteleira do circuíto que dá comezo este venres coa peza Crisálida, de Caramuxo Teatro e que se completará cos espectáculos de Contraproducións, Malasombra, Redrum ou Teatro do Noroeste, entre outros. Betanzos, que abre a temporada do circuíto público o vindeiro 23 de xaneiro coa peza As que limpan, da compañía A Panadaría, tamén recibirá tres espectáculos máis neste semestre. Oleiros, pola súa banda, gozará de catro espectáculos nun calendario que abrirá Orquestra Malabares de Pistacatro o 16 de marzo e Sada ofrecerá a partir do 26 de xaneiro 14 funcións máis de teatro, música e maxia coas visitas á Casa da Cultura Pintor Lloréns de Ghazafelhos, Ibuproferno, Pakolas, Elahood, Elefante Elegante ou do mago Joshua Kenneth.

Máis de 350 representacións en 41 concellos
A Rede Galega de Teatros e Auditorios programa este semestre 351 funcións escénicas e musicais en 41 concellos de toda Galicia. A Xunta e as entidades locais asociadas cofinancian este circuíto, que para todo o ano 2024 conta cun orzamento de arredor de dous millóns de euros, destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte.

En concreto, durante estes seis primeiros meses do ano serán máis de 130 as compañías escénicas e grupos musicais que actuarán na rede autonómica, xestionada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. Os espectáculos teatrais conforman unha gran parte desta programación, con máis de 270 funcións en cartel e unha ampla oferta para o público familiar.